A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) do Porriño inaugurou xa o seu tradicional Mercado de Nadal, unha iniciativa solidaria cuxo obxectivo é recadar fondos para apoiar ás familias afectadas polo cancro. Este evento conta coa colaboración do Concello de Porriño e os comercios locais, e estará aberto ao público ata o próximo 30 de decembro, no número 68 da rúa Ramón González, en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.
O Mercado de Nadal ofrece unha ampla variedade de produtos artesanais elaborados polas voluntarias da AECC, así como artigos doados xenerosamente polos comercios da vila. Todo o recadado será destinado á loita contra o cancro, apoiando a aqueles que se enfrontan á enfermidade e aos seus familiares, quen a miúdo atravesan momentos difíciles durante o tratamento.
Mari Palacín, presidenta da AECC do Porriño, destacou a importancia deste tipo de iniciativas: “Desde a AECC de Porriño, queremos achegar o noso gran de area para os enfermos e familiares desta terrible enfermidade. Facémolo con todo o noso agarimo e estamos encantados de recibirvos no noso Mercado de Nadal. Cada pequeno xesto conta e este mercado é unha forma de ofrecer esperanza e apoio a quen máis o necesita.”
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresou o seu apoio á AECC e ás súas iniciativas: “Este Mercado de Nadal é un exemplo claro do que significa a solidariedade no Porriño. Estamos moi orgullosos de poder colaborar e constatar que unión dos comercios locais, as voluntarias e as institucións é fundamental para que podamos seguir loitando xuntos contra esta enfermidade e ofrecer o apoio que necesitan os afectados.”