O Porriño, 3 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño ten o pracer de anunciar a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, que chegarán ao Porriño en camello o vindeiro 5 de xaneiro para encher de ilusión e maxia as rúas do municipio na noite máis especial do ano.

As Súas Maxestades chegarán acompañadas dun gran séquito formado polos seus paxes reais, as tres rondallas do municipio– a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios, a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas e a Rondalla Santa María do Porriño– o Tren do Nadal, o espectáculo de Pablo Méndez e un colorido desfile composto por catro carrozas, unha dedicada a cada un dos Reis Magos e unha cuarta carroza de paquetería que completará esta gran comitiva real.

A cabalgata dará comezo ás 18 h desde a rúa Doantes de Sangue e percorrerá Antonio Palacios, Domingo Bueno, Fernández Areal, Manuel Rodríguez e Ramón González ata chegar ao seu destino final. Durante o percorrido, Melchor, Gaspar e Baltasar repartirán un total de 2.000 kg de caramelos sen glute facendo as delicias dos nenos e nenas e convertendo esta edición nunha das máis doces e multitudinarias.

Unha vez rematado o desfile, os Reis Magos trasladaranse á Cúpula Máxica, no Parque do Cristo, onde recibirán ás nenas e nenos que se acheguen a saudalos, escoitarán os seus desexos, collerán as súas cartas, conversarán con eles e entregarán os seus agasallos aos máis pequenos antes da máxica visita que lles farán pola noite.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca que a Cabalgata dos Reis Magos “é unha das citas máis importantes e emotivas do calendario festivo do municipio” e sinala que “se trata dun evento pensado para que as familias poidan compartir unha tarde de ilusión tradición e encontro” subliñando tamén o importante esforzo organizativo realizado para ofrecer “unha cabalgata segura atractiva e á altura da ilusión dos nenos e nenas”.

Recomendacións de seguridade

Desde o Concello recoméndase seguir unha serie de indicacións para garantir a seguridade durante o desenvolvemento da Cabalgata:

– Non utilizar o paraugas para recoller os caramelos. O seu mal uso pode ser perigoso.

– Non baixen das beirarrúas nin salten os valados de seguridade. Manterse a unha distancia prudencial das carrozas é sempre unha boa opción.

– Lembren que unha carroza parada pode poñerse en marcha en calquera momento, así que é mellor non deixar que as crianzas se acheguen a elas.

– É importante colocar ás crianzas en lugares seguros e a unha distancia prudente das carrozas

– Non distraer aos conductores que levan os vehículos da Cabalgata.

– Non perder de vista ás crianzas. Pode soar obvio pero telos localizados en todo momento evitará algún que outro susto.

– É recomendable que as crianzas leven anotado nunha pulseira ou tarxeta o seu nome e un teléfono de contacto por si se perden.

– Explicar aos nenos e nenas que deben facer no caso de perderse dirixirse a un axente da Policía Local ou a un voluntario de Protección Civil.