A xunta de portavoces do Concello do Porriño, reunida o pasado mércores 14, acordou facer un chamamento ás veciñas e veciños, asociacións, sindicatos e diferentes colectivos do Porriño para mobilizarse este martes día 27 para reclamar á Xunta de Galicia unha solución urxente ao Centro de Saúde . O acordo contou cos votos a favor dos portavoces dos grupos municipais do PSdeG-PSOE, UDDL, BNG, EU-Son e Non Adcritos, e a oposición do representante do PP.
Os grupos convocantes esixen á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a ampliación do Centro de Saúde, a reforma das instalacións e o incremento de persoal, para que tanto usuarios do centro, como os e as traballadoras do mesmo, conten cunhas condicións dignas na prestación e recepción da asistencia médica.
Respecto da UAD, que atende desde O Porriño a usuarios de 19 concellos, os citados grupos municipais reclaman á Xunta que asuma as súas competencias no que se refire á dotación de medios humanos e materiais para garantir a calidade do servizo e os dereitos de dignidade dos e das usuarias. Os 19 concellos que reciben atención da UAD do Porriño serán convocados a unha reunión para apoiar estas demandas á Consellería de Sanidade.
A manifestación celebrarase o martes 27 ás 21:00 horas e terá o seu inicio fronte ao Centro de Saúde para, dende alí, dirixirse á Praza de Antonio Palacios, onde se dará lectura a un manifesto.