- O Concello fai un balance positivo do PIE no seu acto de clausura apostando pola formación adaptada ás necesidades reais do mercado laboral
- Ao longo dun ano impartíronse preto dun milleiro de horas de formación e realizáronse máis de 900 sesións de orientación
O Porriño, 24 de setembro de 2025.- Unha etapa e experiencia profesional nova é a que suman dende hoxe o cento de persoas participantes no Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello do Porriño. Péchase unha fase, a iniciada en outubro do pasado ano cando comezaron este programa formativo, e ábrese outra, a que afrontan a partir de agora, máis preparados e cualificados para acceder ao mercado de traballo.
O resultado máis inmediato e notable é que 72 das 100 persoas participantes foron contratadas ao longo do programa, superándose tamén o obxectivo comprometido coa Xunta de Galicia de acadar o 40% de inserción laboral. E é que este programa ao igual que outros en materia de emprego e formación foi financiado na súa maior parte polo executivo autonómico. Nesta ocasión, o Programa Integrado de Emprego contou cunha inversión total de 275.000 euros, dos cales 220.000 son financiados pola Xunta e a cantidade restante asumida polo Concello.
“Estamos moi satisfeitos cos resultados deste programa, que demostra que cando traballamos de forma coordinada e con compromiso somos capaces de transformar a realidade laboral das nosas veciñas e veciños. O feito de que máis do 70% dos participantes conseguiran xa un contrato de traballo supera as nosas expectativas, máis aínda tendo en conta que o prazo para completar o obxectivo de inserción marcado pola Xunta aínda vai máis alá do peche oficial do programa, polo que esta cifra de inserción será superior”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto de entrega de diplomas, esta mañá no Multicentro de Torneiros, ao que asistiu tamén a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.
“O resultado do PIE reflicte o esforzo tanto do Concello como da Xunta de Galicia para ofrecer formación de calidade e oportunidades reais de emprego. Sen dúbida, seguiremos apostando por iniciativas que favorezan a inserción laboral e o desenvolvemento económico do noso municipio, formando ás persoas en base ás demandas do tecido empresarial máis próximo, atendendo así ás necesidades de ambas parte”, subliñou o rexedor local.
A concelleira explica que para levar a cabo este programa tívose en conta o perfil dunhas 1800 persoas desempregadas. Delas, unhas 280 foron as que participaron no proceso de selección, das cales resultaron as 100 que máis interese amosaron e as que finalmente participaron no programa, pertencentes todas elas aos colectivos de: menores de 30 anos sen cualificación, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, desempregadas de longo duración, maiores de 45 anos e mulleres en xeral, de feito é a destacar a alta porcentaxe feminina entre os participantes, 79 de 100.
Logo da selección do alumnado realizáronse entrevistas individuais e grupais e leváronse a cabo distintos itinerarios formativos e formacións transversais que supuxeron un total de 981 horas, ás cales hai que sumar máis de 900 sesións de orientación e titorización.
Dado que o obxectivo fundamental do Programa Integrado de Emprego é a inserción laboral, o alumnado tamén realizou prácticas profesionais non laborais en diversas empresas da contorna, nas cales unha vez rematado ese período, algúns deles conseguiron un contrato de traballo. Por outra banda, tamén é a destacar o autoemprego, pois tres das persoas participantes emprenderon o seu propio negocio, “o que supón un valor engadido ao programa”, subliñou a concelleira que incidiu na “importante mellora da empregabilidade de tódalas persoas participantes no PIE, mellorando para elo as súas habilidades e competencias a través das diferentes accións levadas a cabo”.
Desde o servizo municipal de Porremprego seguirase traballando para ofrecer itinerarios formativos e prácticas en empresas que facilite a inserción laboral da veciñanza.