- O proxecto, valorado en máis de 78.000 euros e financiado pola Deputación de Pontevedra, inclúe melloras no firme dos camiños e a execución dunha cuneta de drenaxe.
- O prazo para presentar ofertas remata o 21 de xullo.
O Porriño, 8 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño vén de sacar a licitación a obra de ampliación da rede de saneamento no núcleo do Cerquido, cun orzamento que supera os 78.000 euros, financiados integramente pola Deputación de Pontevedra a través do Plan + Provincia 2025.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 21 de xullo ás 13:00 horas, a través da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.
“Esta actuación dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza do Cerquido, que levaba anos solicitando melloras na conexión ao saneamento municipal. Dende o goberno local seguimos apostando por estender as infraestruturas básicas a todos os núcleos de poboación”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
O proxecto contempla a construción dunha nova rede de saneamento que permitirá conectar máis de 60 veciños da zona ao sistema municipal. Ademais, inclúe a mellora do firme dos camiños municipais afectados e a execución dunha cuneta de drenaxe na marxe dereita da estrada N-550, co obxectivo de facilitar a evacuación das augas pluviais e reforzar a seguridade viaria.
Unha vez iniciados os traballos, está previsto que as obras se executen nun prazo aproximado de oito semanas.
Segundo explicou o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, “non só se trata de dotar de saneamento ao Cerquido, senón de aproveitar para mellorar o estado dos camiños municipais, que presentan un notable deterioro. Esta intervención tamén mellorará a accesibilidade e a seguridade para os veciños”.
Esta obra forma parte dunha ampla estratexia que o Concello do Porriño vén desenvolvendo desde 2022 para mellorar a rede de saneamento en todo o termo municipal. Neste período, xa se mobilizaron máis de 4,2 millóns de euros en actuacións similares, grazas á colaboración entre distintas administracións como a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Consorcio de Augas do Louro.
Así mesmo, esta actuación contribuirá a seguir avanzando no cumprimento dos obxectivos marcados polo Plan Director de Saneamento, que busca acadar unha cobertura total en todas as parroquias. Aínda quedan zonas pendentes, especialmente en contornos rurais, pero desde o goberno local mantense o compromiso de continuar investindo en obras que melloren a calidade de vida da veciñanza e garantan un desenvolvemento máis sostible e equilibrado para o Porriño.