• O Complexo Deportivo do Lourambal acollerá o sábado 13 e domingo 14 esta competición de fútbol base con 46 equipos chegados de toda a provincia e norte de Portugal

O Porriño, 11 de setembro de 2025.- Volve o Torneo Jonathan Vila de Fútbol Base ao Porriño. A terceira edición desta cita deportiva,  organizada polo Porriño Industrial CF en colaboración co Concello do Porriño, celebrase este sábado 13 e domingo 14 de setembro ao longo de todo o día no Complexo Deportivo do Lourambal, en Torneiros.

Serán uns 550 nenos e nenas das categorías de prebenxamín, benxamín e alevín os que salten ao céspede esta fin de semana. Un total de 46 equipos procedentes de toda a provincia e do norte de Portugal que competirán ao longo das dúas xornadas. O sábado será a quenda dos 20 equipos alevín, con partidos que se iniciarán ás 10.00 horas ata ás 20.00 horas cando teña lugar a final; e o domingo xogarán (sen competición) os 10 prebenxamíns en horario de mañá e, de xeito paralelo, os 16 de categoría benxamín que prolongarán ata ás 18.30 horas cando se celebre a gran final.

No acto de presentación do torneo ao que asistiron membros da directiva do Porriño Industrial, e contando tamén coa presenza do padriño que dá nome á competición, Jonathan Vila, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou que este evento é un claro exemplo do compromiso do Concello coa promoción do deporte base. “É unha alegría ver a tanta xente implicada e estamos orgullosos de acoller unha actividade que fomenta os valores do deporte e a convivencia”, e lembrou que este torneo “é unha das moitas citas deportivas que enchen de vida ao Porriño durante o mes festivo do ano”.