Un total de 56.033 peregrinos pasaron polo Porriño no que vai de ano, un 7% máis que en 2003, consolidando a Vila do Louro como unha parada fundamental no Camiño de Santiago.
Tal e como se recolle no rexistro da Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela, un 34% dos mesmos son españois e un 66%, preto de 36.000 persoas, chegan doutros países. Os que máis peregrinos aportan son Portugal (14,34%), Estados Unidos (7,3%), Alemania (6,83%), Italia (4,44%), Brasil (2,99%), Reino Unido (2,80%) e Holanda (2%).
O Camiño de Santiago ten un impacto positivo na economía local
O incremento no fluxo de peregrinos respecto ao ano anterior non só é indicativo da crecente popularidade da ruta, senón que tivo un impacto moi positivo na economía local.
Observouse un significativo aumento na ocupación hoteleira, con moitos dos aloxamentos rexistrando taxas de ocupación de case o 100% na tempada alta. Temén se beneficiou o sector da restauración, que acrecentou a súa facturación, grazas á afluencia diaria de peregrinos que buscan degustar a gastronomía local despois da súa xornada de Camiño.
“Pero máis alá do impacto económico, a presenza de peregrinos fortaleceu o espírito de hospitalidade e comunidade no Porriño”, explica a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, “A veciñanza volcouse en recibir aos viaxeiros, o que enriqueceu a experiencia do Camiño, fomentando un intercambio cultural que nos enriquece a todos”. Ucha conclúe indicando que “desde a Concellería de Turismo seguiremos traballando para mellorar as infraestruturas e servizos, asegurando que O Porriño siga sendo unha parada memorable no Camiño de Santiago para todos os peregrinos que nos visitan.”
No mesmo sentido se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que destacou “a importancia da incidencia do Camiño Portugués no municipio como dinamizador turístico, económico e cultural”. “Por iso seguiremos apostando por iniciativas para facer a súa estancia na nosa vila o máis agradable posible e actividades, como o Día do Peregrino, dirixidas especialmente a eles para que o seu paso polo Porriño sexa o primeiro de moitos”.