O Centro de Día de Torneiros ofrece de forma gratuíta un curso de técnicas de bordado para maiores de 55 anos, dentro do Programa de Envellecemento Activo co que pretenden difundir a súa labor e facerse visibles na sociedade. O Centro Cultural Alba albergará esta actividade, que terá lugar unha hora á semana durante cinco meses.
Unha actividade para saír de casa, socializar e previr o envellecemento
Os participantes, ademais de aprender ou perfeccionar o bordado, obteñen unha serie de beneficios: unha razón para saír de casa e socializar, evitando así a soedade non desexada; e a prevención do envellecemento o facer unha actividade que estimula distintas partes do sistema nervioso e motriz.
O Centro Cultural Alba é o lugar idóneo para esta actividade, tanto polas instalacións, como polo espazo natural, ademais de poder disfrutar da cafetería que Lume ten no Centro. O curso levarase a cabo os mércores ás 16 horas, e empezará nas próximas semanas, con parada vacacional nos meses de xullo e agosto.
Sonia Leiro, Educadora Social do Centro de Día, é a persoa que impartirá o curso de bordado, que “será un lugar de encontro e creará lazos entre a veciñanza a través do bordado e a costura creativa”, explica. “Os/as participantes comprobarán que cunha puntada que todo o mundo sabe facer, pódense crear obras moi elaboradas e moi bonitas”, engade Leiro.
“Dende o Concello, animamos aos veciños/as a participar nas diversas actividades que favorecen a vida social nas parroquias e melloran a vida social e a saúde dos nosos maiores”, conclúe Teresa Veloso, concelleira de Política Social.
O prazo de inscripción está xa aberto e as persoas interesadas pódense anotar por teléfono no número 986 331 750, ou enviando un correo electrónico a oporrino.consorcio@igualdadebenestar.org.