O Centro Cultural Municipal acolleu hoxe a presentación de Lume, a obra de José Luis Baños de Cos que resultou gañadora do certame de textos de teatro xuvenil Roberto Vidal Bolaño na súa quinta edición.
Acompañando ao autor estiveron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e a secretaria do xurado do premio, Raquel Castro, así como unha representación do equipo directivo do IES Ribeira do Louro, que xunto coa editorial e o Concello do Porriño impulsan este certame.
 
É a segunda vez que Baños se impón no Vidal Bolaño, pois xa no ano 2020 o fixo coa obra A cámara escura. Desta vez, o xurado decidiu por unanimidade outorgalle o premio por ser unha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.
 
O autor mostrouse “moi contento de estar de novo no Porriño e agradeceu ao Concello do Porriño, á Editorial Galaxia e ao IES Ribeira do Louro que organicen este premio, que creo que é moi importante para o arraigo do teatro na xente nova. Por iso oxalá sexan moitas máis edicións” .
 
Sobre Lume destacou o valor social do texto, cuxa verdadeira protagonista é a violencia, cada máis presente na nosa sociedade, con múltiples formas, e en moitos casos, agochada tralo anonimato da masa grupal. “Hai temas que hai que tratar”, afirmou, sobre todo cando nos diriximos á mocidade e aproveitar ferramentas como o teatro non só para facer arte senón tamén para educar.
 
No mesmo sentido se manifestou Raquel Castro, que destacou que Lume está aliñado cos obxectivos deste premio “xa que un deles é achegar a actualidade social aos mozos e mozas e a violencia social está moi de actualidade”, lamentablemente. Salientou tamén que José Luis “manexa con destreza a linguaxe que o une ao público ao que se dirixe, como xa demostrou coa outra obra premiada A cámara escura”.
Francisco Castro destacou unha vez máis a relevancia deste premio, único na dramaturxia xuvenil, que xa se consolidou como un referente e agradeceu o respaldo do Concello do Porriño e a iniciativa do IES Ribeira do Louro.
 
Por último o alcalde, Alejandro Lorenzo, lembrou a importancia de obras como Lume “que achegan o valor do respecto aos mozos e mozas a través do teatro e crean conciencia”. Lorenzo reiterou o apoio do Concello do Porriño a este certame, cuxa sexta edición se atopa en marcha xa.