Axentes da Policía Local do Porriño e do posto principal da Garda Civil do Porriño liberaron onte a muller que levaba retida contra a súa vontade seis días nunha céntrica vivenda do Porriño e detiveron ao presunto responsable dos feitos, M.F.R de 26 anos de idade e veciño da vila, por senllos delitos de Detención ilegal e Agresión sexual e lesións.
Os feitos aconteceron onte, luns 25 de xullo, ás 6:34 h, cando a Policía Local recibe aviso a través do 112 de que unha muller enviara dúas notas manuscritas en papel por unha fiestra alertando de que se atopaba retida en contra da súa vontade nunha vivenda e pedindo axuda. Unha veciña atopou unha das notas, na que facilitaba datos do presunto autor e a dirección de onde se atopaba, e o puxo en coñecemento do 112 .
De inmediato desprazáronse ao lugar seis axentes da Policía Local e unha patrulla da Garda Civil e, tras realizar as primeiras pescudas, comprobaron que a dirección e os datos facilitados pola vítima, coincidían cos dun varón que se atopaba en busca e captura por diversos xulgados da provincia e sobre o que pesaba tamén unha orde de ingreso en prisión. Este home, protagonizou supostamente un episodio similar nun concello limítrofe, sen poder ser detido.
Cabe destacar que a familia da vítima denunciou a súa desaparición tras levar días sen ter coñecemento do seu paradoiro.
Ante tales feitos, os axentes optan por tocar o timbre sen obter resposta pero muller xa tiña feito constar que se o suposto agresor se percataba da presencia da Policía a mataría, e ante a posible comisión dun delito flagrante, optaron por tirar a porta pola forza utilizando un ariete.
Ao acceder á vivenda, os axentes atopáronse co home durmindo na cama e a vítima aterrorizada e en estado de nerviosismo. De inmediato e sen darlle tempo a reaccionar procederon á súa detención.
A moza, que presentaba diversos hematomas no corpo -según manifestou ela- producidos polo agresor co fin de manter relacións sexuais, relatou aos axentes que levaba dende o día 19 de xullo encerrada na vivenda, sen que se lle deixara comunicarse con ninguén do exterior.
A vítima foi trasladada pola ambulancia do 061,acompañada en todo momento por unha axente da Policía Local do Porriño, ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se iniciou o protocolo de agresións sexuais, sendo recoñecida pola médico forense. Posteriormente, formulou a correspondente denuncia por todo o acontecido.
O home foi detido e posto a disposición xudicial como presunto autor dos delitos anteriormente mencionados cuxas penas oscilan entre os 15 e 20 anos de prisión.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Seguridade, Abel Estévez, felicitaron aos axentes que interviñeron por “actuar coa determinación necesaria e sen demoras cando diso dependía evitar un dano grave e irreparable á muller, rexíndose polos principios de oportunidade, congruencia, e proporcionalidade no uso dos medios ao seu alcance para lograr a pronta liberación da moza”.