• Con nove títulos autonómicos en catro disciplinas distintas e catro medallas en campionatos de España entre 2020 e 2024, Laura Mirá é unha das ciclistas galegas máis destacadas da súa xeración, cunha traxectoria sólida e en constante proxección no panorama estatal e internacional.

O Porriño, 24 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño celebrou hoxe un acto institucional de recoñecemento á ciclista Laura Mirá Juárez, unha das figuras máis prometedoras e consolidadas do ciclismo galego e estatal, que con tan só 20 anos xa destaca no panorama profesional internacional.

Desde o ano 2021, Laura acumula nove títulos autonómicos en catro disciplinas distintas, cunha regularidade deportiva que a levou tamén a conquistar catro medallas en campionatos de España en diferentes edicións (2020, 2021, 2022 e 2024). No seu primeiro ano como Sub-23, debutou como profesional en Francia co equipo FARTO-Kirol, con quen continúa competindo, e actualmente é a ciclista española Sub-23 mellor clasificada no ranking internacional, por diante mesmo da actual campioa de España.

Durante o acto, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor a traxectoria de Laura, definíndoa como un exemplo de constancia, humildade e superación persoal. “Laura representa o mellor do Porriño: unha combinación de talento, traballo e paixón polo deporte. Logra resultados a nivel nacional e internacional, pero sen perder nunca o vínculo coa súa terra. É un referente para a nosa mocidade e un espello no que mirar.”

O rexedor tamén destacou o compromiso do Concello co deporte local: “Non só forma atletas, senón tamén persoas. E Laura é mostra diso. Desde o Concello seguiremos apoiando o talento do Porriño, convencidos de que o mellor da súa carreira está por chegar.”

Como mostra simbólica do recoñecemento da súa vila, o alcalde fíxolle entrega dunha medalla conmemorativa Antonio Palacios, un detalle representativo da identidade porriñesa.

A ciclista agradeceu emocionada o apoio recibido: “Estou moi agradecida ao Concello e á miña xente. Todo isto é un impulso máis para seguir adiante con forza.

Ao acto asistiron familiares, membros da corporación municipal, representantes do deporte local e veciñanza, que quixeron arroupar á ciclista neste merecido recoñecemento.