As Festas do Cristo do Porriño contarán cunha pregoeira de excepción neste ano de celebración do Centenario da Casa Consistorial: Juana da Cruz Domínguez, “Juaniña”, unha das súas veciñas máis queridas e lonxevas, que pronto celebrará tamén o seu centenario.
Juaniña é unha muller nada hai case cen anos, pero cunha forma moi avanzada de vivir, incluso para os nosos días: empoderada, empresaria, nai, avoa e bisavoa multitarea, e todo un símbolo de estilo e moda.
Hai pouca xente do Porriño que non coñeza a Juana, xa que o seu espírito xove faina acudir a moitos eventos, incluidos os destinados á xuventude, como o Negrita Festival, do que foi madriña o ano pasado e incluso presentadora do concerto de Juan Magán, con máis de 15.000 asistentes.
“Presentar a Juan Magán foi unha experiencia maravillosa, logo parábanme pola rúa moitos mozos e mozas para saudarme”, explicou emocionada Juaniña, “Pero dar o pregón da Festas do Cristo, desde o balcón do Concello cando cumprimos cen anos os dous, é algo que non podo explicar con palabras. Só dicir que eu xa podo morrer tranquila”.
Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, non ten dúbida sobre a decisión da pregoeira das Festas do Cristo deste ano, porque “ademais da grandísima devoción que ten polo noso Santísimo Cristo da Agonía, Juaniña vive cada ano as Festas do Cristo con tanta ledicia e vitalidade que xa nos gustaría a moitos de nós poderlle seguir o ritmo. É unha persoa que irradia enerxía e bo humor alá onde vai, unha pizpireta de case 100 anos!”.
Ademais de Juaniña, hai catro mulleres do Porriño que cumpren cen anos e este pregón do centenario da Casa Consistorial é unha homenaxe a todas elas. “Son historia viva do noso pobo e queremos que todo o mundo saiba canto as admiramos e valoramos”, explicou o alcalde, que as convidará persoalmente a asistir ao pregón de inicio das festas. Todas elas, incluída Juaniña, recibirán un agasallo moi especial, unha medalla de Sargadelos deseñada e elaborada especialmente para o Ano Palacios. “Elas merecen todo isto e máis”, concluíu Lorenzo.
Historia dunha vida plena ambientada no Porriño
Juana vive a moda dun xeito moi especial. Xa de nena, con tan so 9 anos, comezou a estudar con Josefa de Palos, unha costureira moi famosa daquel entonces. Catro anos máis tarde, con 13, gañou un concurso do Concello de Tomiño no que se buscaba a dúas costureiras para traballar nun centro de modas de Madrid. Pero Juaniña decidiu non marchar á capital, porque xa tiña o seu corazón ocupado, polo que anos máis tarde sería ó pai dos seus fillos.
Aínda solteira, Juana decidiuse a emprender, e abriu o seu primeiro taller de costura na casa dos seus país, onde vivía. E todos axudaban, porque traballo había moito. Aos 18 anos, Juana fixo o seu primeiro vestido de noiva, de máis de mil. Vestiu ás xentes importantes da comarca. Sempre ao día en tendencias: puso de moda o animal print no Porriño hai máis de 40 anos, e os estileto, que aínda pon de vez en cando.
Juaniña recorda O Porriño da súa xuventude, marcada por unha República, unha guerra civil e unha dictadura. Usuaria do emblemático tranvía que unía a vila do Louro con Vigo, onde ía buscar as telas para os seus vestidos, acompañada polas clientas para ver in situ a caída das telas en elas.
Replicou traxes de noiva moi famosos para as súas clientas, como o de Lady Di, ou o da Raíña Fabiola. Na súa sala nunca faltaban as revistas máis importantes de moda pret-à-porter, e podía replicar os traxes dos modistos máis aplaudidos, como Channel, Valentino, Versache ou Dior. Hoxe en día segue confeccionando o seu vestiario, porque ten moi claros os seus gustos e o que lle senta ben. “Agora teño que pensar ben que vestido elixo para dar o pregón”, explica, “Estou entre cinco opcións e creo que xa sei cal é o que levar”.