A silicose volve a cobrarse a vida dun dos nosos. Esta fin de semana Juan Carlos Giráldez, presidente da Asociación de Afectados por Silicose Osilice Galicia deixábanos a causa desta enfermidade que nos arrebatou a tantas persoas no Porriño.
 
Carlos, de 54 anos de idade e veciño de Atios, foi un exemplo de empatía e loita que perdurará sempre. Tal e como relataba o vicepresidente de OSÍLICE e amigo de Carlos dende a infancia, Serafín Ramilo, “adicou gran parte da súa vida a atender a persoas que padecían esta enfermidade e se atopaban perdidos ou desorientados sen saber como afrontar o diagnóstico. Carlos entregouse a acompañar e apoiar á xente que como él loitaba contra a silicose”. Con este fin, o de dar respaldo aos centos de afectados que había e hai no Porriño e na contorna, fundaron xuntos a asociación no ano 2013.
 
“Esta enfermidade marcou a súa vida e a da súa familia”, explica Serafín, “Tres xeracións faleceron por esta causa, o seu avó, o seu pai e logo el, tal vez por iso cando enfermou decidiu adicar gran parte da súa vida a axudar aos demais, a loitar polos seus dereitos e guialos neste duro camiño. Dende que fundamos a asociación asesoraba a moita xente que contactaban con el a través da web de Osílice, non só do Porriño ou Galicia, senón de toda España”.
 
“E todo ese traballo, como a el lle gustaría, debemos continualo para que as vindeiras xeracións non cometan os mesmos erros e poidan traballar co granito ou calquera outro material sin o risco de morir por esta enfermidade”, concluíu Serafín.
 
Por iso, dende Osílice queren agradecer publicamente a Carlos todo o traballo, tempo, esforzo e adicación que deu aos demais ata o último momento, incluso cando xa lle fallaban as forzas, e materializar ese agradecemento dando continuidade ao seu traballo.
 
O alcalde, Alejandro Lorenzo ,no seu nome e no do pobo quere “agradecer a Juan Carlos o inmenso e desinteresado labor que fixo para e polos demais. Perdemos a un amigo, a unha persoa excepcional e a un exemplo de humanidade e loita”. O rexedor quixo incidir na mensaxe dos seus compañeiros de OSÍLICE facendo unha chamada “a non deixar morrer o legado de Carlos xa que iniciou un camiño para mellorar a vida dos enfermos de silicose que agora nós debemos continuar ata o final”.