O vindeiro sábado 16 de xullo centos de atletas percorrerán os 25.950 km de circuito do Tríatlon Concello do Porriño, entre eles, o Campión do Mundo, Iván Raña que ademais de participar este ano apadriña o evento.
Este mediodía presentouse a proba deportiva, que tras o parón derivado da pandemia chega a súa sétima edición, coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, os concelleiros de Deportes do Porriño e Tui, Abel Estévez e Rafael Estévez, respectivamente, o Comandante Naval do Miño, Pablo Redondo Belzunce, o Sarxento Primeiro do Posto de Tráfico do Porriño, Daniel Castelo Baz, o Director Deportivo da Fegatri, Carlos David Prieto e o padriño da proba, Iván Raña. Tamén estiveron presentes representantes dos clubs colaboradores.
“Este será o meu primeiro Triatlón como alcalde e é toda unha honra ter contado co respaldo e colaboración total do tecido deportivo do Porriño para os que non teño máis que palabras de agradecemento”, afirmou o alcalde, “Moitísimas grazas a todos e todas os voluntarios e voluntarias, clubs deportivos, Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, Concello de Tui, Xunta de Galicia, a todos os que facedes que posible que un evento desta magnitude teña lugar na nosa vila”. O rexedor, lembrou que a inscrición sigue aberta ata as 23:49 h do 12 de xullo e que “a día de hoxe son preto de 200 os inscritos” , animando a todo aquel que queira a “participar e competir, nada máis e nada menos, que cun campión do mundo”.
Pola súa banda, Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, destacou o nivel desta proba que, na súa séptima edición demostra “o deporte non para, que o deporte galego loita contra todas circunstancias e continúa grazas á disciplina”. Lete Lasa quixo poñer en valor a figura de Iván Raña “pioneiro do triatlón galego e grazas ao cal esta modalidade hoxe en día é o que é en Galicia”.
O concelleiro de Deportes do Porriño, Abel Estévez, destacou que “retomar esta actividade é moi importante para nós” xa que “podemos presumir de ter un tríatlon popular de alto nivel”.
No mesmo sentido se expresou o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, que afirmou que “este ano vai ser unha proba moi bonita” e agradeceu “en especial ao Comandante Naval do Miño xa que grazas a el poderemos ter unha proba de calidade, e tamén aos clubs tudenses, Policía Local e Protección Civil de Tui”
Como cada edición, o tramo de natación sprint é de 750 m, desenvolverase no río Miño fronte á sede da Comandancia Naval de Tui. O tramo de bici é de 20 km entre Tui e O Porriño e finalmente a carreira pedestre cun percorrido de 5 km que se disputa no casco urbano do Porriño.
Na edición deste ano a iconografía e cartelería xira en torno á bandeira multicor sumándose, tal e como explicou o alcalde, ao “movemento en defensa da diversidade e pola igualdade de dereitos das persoas LGTBIQ+”, en definitiva, “un evento deportivo de alto nivel que reivindica unha sociedade máis libre e respectuosa”.
Mini Triatlón
Os máis pequenos tamén terán a súa proba: o Triatlón Mini. Disputarase o mesmo día en horario de mañá e poden participar os nenos e nenas de entre 4 e 10 anos acompañados por un adulto. O único requisito será saber nadar 25 m ininterrumpidamente e saber andar en bici.
Terán que completar 25 m na piscina municipal, 700 m en bicicleta dende a piscina ata a igrexa e alí farán a transición para encarar os 300 m de carreira a pé dende ata o Concello.
A inscripción está aberta ata o 13 de xuño ou ata completar as 45 prazas.