Esta mañá o alcalde Alejandro Lorenzo recibiu na Casa Consistorial a Iván M.D.J., un porriñés de 16 anos que superou con éxito o primeiro curso da FPB de Comercio. Iván é o primeiro na súa familia en chegar tan alto na súa formación académica.
É un mozo que conta co apoio incondicional dos seus pais, Lucía e Santiago, dos seus profesores, que o seleccionaron para cubrir unha das 17 prazas dispoñibles este curso, e das traballadoras sociais do Concello. A súa determinación e inquedanzas foron determinantes para que rematara con éxito o primeiro curso do ciclo, un fito para a súa familia, que se dedican a venda ambulante.
Ademais de acudir ás clases ao IES Ribeira do Louro, Iván conta coa axuda do programa de inclusión social do Concello do Porriño. Estas clases de apoio, impartidas pola súa profe Rosa, baséanse non so no contido das materias, senon tamén en técnicas de estudo e metodoloxías de traballo. Ademais, desenvólvense nun área de estudo idóneo e un ambiente tranquilo, sen ruidos, que propician a concentración.
A iniciativa de Iván e o seu traballo duro farán que no futuro poida optar a opcións laborais para persoas cualificadas.
Canto máis avanza, máis quere avanzar. O mozo confesa que o ano que ven acabará esta titulación e que a súa intención é seguir formándose tamén en outras especialidades, como a soldadura.
O alcalde animou a Iván a seguir formándose para poder optar a máis opcións laborais e salientou que “é un exemplo de esforzo e determinación e estamos moi orgullosos dos seus éxitos, falo no meu nome e no do seu pobo”. O rexedor concluíu asegurando que “estes logros serán os primeiros de moitos máis, e esperamos que moitos mozos e mozas como el se animen a seguir avanzando na súa formación. Iván será o espello no que moitos e moitas poidan reflexarse”.