O Concello de Porriño recoñece o labor e os éxitos do Club Balonmano Porriño co I Premio Antonio Palacios ao Deporte, que será entregado o vindeiro sábado día 15, durante a celebración do centenario da Casa Consistorial.

O Club Balonmano é merecedor deste recoñecemento ao seu  labor, especialmente coa base e o seu compromiso co deporte feminino, ademais dos fitos deportivos conseguidos nos máis de 35 anos de historia do club, e máis concretamente nas últimas tempadas.

 

O Club Balonmano Porriño é recoñecido polos seus fitos e a súa labor na transmisión de valores

Este club, nado no 1987, marcou un antes e un despois no deporte do Porriño. Desde case os inicios, na tempada 90-91, o Balonmano Porriño comezou a traballar coas escolas da vila para formar á cativada nos valores do deporte e na súa propia disciplina, conseguindo xa naquel entonces máis de 2.500 alumnos e alumnas do municipio e arredores.

O traballo en equipo, o xogo limpo, a perseverancia, o respecto ou a solidaridade son valores que o Club Balonmano ten moi presentes e transmite aos seus compoñentes. O seu compromiso con todos/as os/as deportistas, e especialmente coas nenas e mozas, levou ao Club á excelencia deportiva, con éxitos en competicións rexionais e nacionais.

O equipo feminino, Conservas Orbe Rubensa Balonmano Porriño, xoga na alta competición, a División de Honor Feminina (Liga Guerreras Iberdrola) e disputou tamén a Copa da Raíña chegando nesta última a semifinais en varias ocasións e acollendo o torneo nos anos 2016 e 2017. As nosas xogadoras teñen participado en preto de 20 tempadas na Liga Guerrera Iberdrola, e de seguido desde o ano 2010. Esta tempada, a histórica cuarta posición na Liga Guerreras Iberdrola, deulle ás nosas xogadoras a praza para participar na EHF European Cup.

O equipo masculino, o Campicarn-Martimpex Balonmano Porriño, ostenta tamén títulos importantes, como Campión Galego e Subcampión da Copa de Galicia na tempada 22-23, que o levaron a ascender a Primeira Nacional.