Todas as competicións deportivas son benvidas na Porrigalia, a festa dos Xogos Olímpicos do Porriño. Nesta edición, o Concello do Porriño engadirá cores, bailes e música coa Holigalia, o vindeiro domingo a partires das 18:30 h na rúa Domingo Bueno. Na mesma rúa, unha pantalla xigante retransmitirá a final da Eurocopa ás 21:00 h para que todos os porriñeses e porriñesas animen a selección española de fútbol.

Explosións de cores encherán a rúa na Holigalia, coa participación de Festicultores Troupe, que contaxiarán a súa ledicia a todos os asistentes coa súa actuación na que non faltarán o humor, a música e o baile.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anima a toda a veciñanza a participar: “O Porriño é o Concello do Deporte, temos que estar coa selección española de fútbol, animando aos nosos xogadores nesta gran final da Eurocopa. A Porrigalia é o escenario ideal, xa que desde a rúa, todos xuntos gozaremos e festexaremos o xa logro da nosa selección”. O resto da programación de Porrigalia seguirá o seu curso, cos xogos e espectáculos para todos e todas. Pódese consultar toda a información actualizada na web porrigalia.org do concello.