• Éxito da primeira xornada desta cita gastronómica que continúa ao longo de todo este mes de novembro, os venres e sábados, con petiscos a 1,50 euros en 32 establecementos hostaleiros

O Porriño, 1 de novembro de 2025.- A primeira xornada da Ruta de Petiscos e Tapas “D’Gusta Porriño” non puido comezar mellor. Centos de persoas estiveron onte polos 32 establecementos participantes nesta cita tan esperada no calendario festivo do municipio, convertendo as rúas do Porriño nun auténtico fervedoiro de ambiente, sabor e festa.

Coincidindo coa celebración do Samaín e coa véspera de festivo, a vila viviu unha noite chea de boa gastronomía, na que veciños e visitantes desfrutaron das propostas culinarias ofrecidas por cada local. O pistoletazo de saída desta ruta tivo unha acollida “multitudinaria e excepcional”, segundo valorou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quen destacou “a resposta masiva do público e o esforzo dos hostaleiros, que un ano máis amosan o seu talento, creatividade e compromiso coa dinamización da nosa vila. O D’Gusta Porriño é xa unha das citas máis queridas do noso calendario e este primeiro día deixou claro que a xente ten ganas de saír, compartir e desfrutar da nosa gastronomía. Queda todo o mes por diante e animamos a todo o mundo a seguir descubrindo os petiscos e tapas que prepararon con tanto cariño os nosos locais”, subliñou o rexedor.

A ruta continuará ao longo do mes de novembro, todos os venres e sábados, de 19.00 a 23.00 horas, con petiscos a 1,50 euros e 1.000 euros en premios (un vale de 500 euros e dez vales de 50 euros) para os participantes que completen os seus cupóns.

Organizada pola Asociación de Hostaleiros do Porriño (Ahospor), co patrocinio do Concello do Porriño e a colaboración da Xunta de Galicia, esta cita promete converter novembro nun mes cheo de sabor, encontro e bo ambiente nas rúas da vila.

Celebración do Samaín

A xornada de onte foi de dobre celebración. Así, o pavillón 2 acolleu unha tarde-noite de medo, susto, sorpresas e espectáculo para festexar o Samaín. Os primeiros foron os máis cativos da casa, que participaron do obradoiro de elaboración e decoración de cabazas e pasaron polo túnel do terror, con decoracións temáticas, iluminación especial, sons arrepiantes e múltiples sustos. A continuación, foi a quenda do público adulto, o cal tamén puido vivir a experiencia do túnel adaptada para maiores e como broche de ouro espectáculo performance de Pablo Méndez.