Desde a nosa entidade queremos enviar unha mensaxe de ánimo, forza e profundo respecto a José Antonio Burgarín, do Porriño, e ás oito persoas que o acompañan nesta aventura única e chea de coraxe: a súa participación na Skoda Titan Desert Marrocos 2025, unha proba épica que se celebra do 1 ao 6 de maio, no marco do 60º aniversario da Fundació Institut Guttmann.
Esta iniciativa extraordinaria, impulsada polo Institut Guttmann, reúne profesionais da saúde e pacientes con discapacidade cerebral ou medular, unidos polo reto de cruzar o deserto do Sáhara en bicicleta, nun dos desafíos máis duros do ciclismo de montaña.
A súa presenza nesta proba representa moito máis ca unha participación deportiva: é un símbolo de superación, inclusión, resiliencia e esperanza. É a demostración de que os límites poden superarse cando hai vontade, apoio mutuo e paixón por seguir adiante.
Todo o noso recoñecemento e alento para este equipo valente, que nos inspira co seu exemplo. Seguimos as vosas pegadas con orgullo e admiración.