A Praza 8 de Marzo, na Avenida de Galicia, será o escenario dunha iniciativa pioneira para promover o consumo responsable durante a primeira fin de semana de maio. O Fli-Po Market, organizado polo Concello do Porriño, ofrecerá un espazo para a compra, venda e intercambio de produtos de segunda man. Ademais, contará cunha ampla programación de actividades lúdicas, música en directo e unha variada oferta gastronómica con postos de comida.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou a importancia deste mercado como unha acción innovadora e comprometida co medio ambiente, subliñando que “o Fli-Po Market supón unha oportunidade para concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir residuos e apostar pola reutilización, co obxectivo de converter O Porriño nun referente en iniciativas sostibles”.

O sábado 3 de maio abrirá as súas portas ás 11:30 e estenderase ata as 22:00 horas, con participación de profesionais do sector. O domingo 4 de maio funcionará entre as 12:00 e as 21:00 horas e estará dirixido principalmente a particulares. Durante ambas xornadas, os asistentes poderán gozar de espectáculos en directo, foodtrucks, obradoiros infantís e un showcooking.

A concelleira de Mercados e Medio Ambiente, Antía Carrera Couselo, manifestou que “este evento pretende dar visibilidade á economía circular e ofrecer unha alternativa sostible de consumo, especialmente no sector téxtil, un dos máis contaminantes”. Ademais, destacou que “o mercado estará dinamizado con actividades para todas as idades, garantindo unha experiencia enriquecedora para os asistentes”.

As persoas interesadas en participar ofrecendo produtos de segunda man poderán presentar a súa solicitude ata o 18 de abril ás 14:00 horas, de forma presencial no Rexistro do Concello do Porriño, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou a través da sede electrónica na ligazón https://oporrino.sedelectronica.gal.

Dende o Concello do Porriño, animamos á veciñanza a sumarse a este mercado sostible, contribuíndo así ao consumo responsable e á protección do medio ambiente.

Bases Reguladoras I Mercado Sostible Fli-Po