A Concellería de Comercio, dirixida por Marcelino Coto, e a dirección da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), presidida por Juana Pérez, veñen de anunciar que a XVIII edición de ‘Merca na rúa’, finalmente, se celebrará o sábado 7 e domingo 8 de abril.
Nun primeiro momento estaba previsto que esta feira de oportunidades fose os días 10 e 11 deste mes de marzo, pero a chegada da borrasca ‘Félix’ fixo que se aprazase, en principio, para o día 17 e, agora que se tomase a decisión de que o máis acaído era que se celebrase a principio de abril.
21 postos estarán abertos ao público na rúa peonil do Porriño, de 10 da mañá a 9 e media da da noite, ininterrompidamente, o sábado, día 7, e de 11 da mañá a 8 e media da tarde, o domingo, 8, ofrecendo distintos artigos con descontos de ata un 60 e 70%.
Como en edicións anteriores, o Concello asume os custes de alumeado, limpeza, os inchábeis para os cativos e a vixianza de seguridade dos postos, para que os expositores non teñan que recoller e desmontar os mesmos pola noite, unha labor de garda na que desempeñará un papel esencial a Policía Local.