A fin de semana no Porriño está marcada pola solidariedade. E é que dentro dos múltiples eventos que acollerá a Vila do Louro hai dous que destacan polo seu carácter benéfico.
O sábado 5 de outubro celebrarase un Bingo Solidario organizado por Acipor CCA Morea e o CRC, en colaboración co Concello do Porriño. Todo o recadado irá destinado ao proxecto “Miña casa, miña comunidade” de ACEESCA, que pretende ofrecer unha residencia inclusiva para 30 persoas con grandes necesidades de apoio, axudándolles a vivir de maneira independente e segura na comunidade de Torneiros. O Bingo Solidario ofrece unha noite de diversión asegurada na que se repartirán máis de 1.000 euros en premios.
Celebrarase no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural a partir das 21 h. A entrada é libre ata completar aforo, así que, animádevos a participar!
Xa o domingo 6 de outubro, levarase a cabo a II Carreira de Empresas de Galicia -XIII Interrunning, que este ano ademais inclúe a I Andaina Antonio Palacios. Este evento deportivo ten un nobre propósito, xa que os fondos recadados irán á asociación de axuda aos nenos de oncoloxía do hospital Álvaro Cunqueiro, Bicos de papel, e tamén á Asociación Española Contra o Cancro e ao programa municipal de alimentos SOS Porriño. Contará tamén coa participación de Discamino, abrindo un horizonte máis inclusivo para as seguintes edicións.
“Esperamos vervos a todos e todas para disfrutar dun gran fin de semana e, ao mesmo tempo, contribuir a causas moi importantes”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “É unha gran oportunidade de axudar e sei que O Porriño, como sempre, será exemplo de empatía e traballo en equipo”.