O Festival de Cans, que terá lugar entre o 23 e 26 de maio-e que este ano recibirá o meirande apoio do Concello na súa historia, impulsará nesta XV edición un ‘concurso de booktrailers e booktubers’, que terá como obxectivo estimular a lectura en galego e a creación audiovisual entre persoas de todas as idades, pero sobre todo entre as máis novas e os máis novos. Estas pequenas pezas creativas, que consisten en resumir en poucos minutos de imaxes o contido dun libro, están a medrar cada vez máis na rede, ata o punto de que comeza a haber concursos específicos en festivais,adicados a esta modalidade.
Este concurso chamado “Ollo de vidro” enmárcase dentro dunha iniciativa da canle de youtube ‘Recoméndoche un libro’, impulsada en anos anteriores por varias institucións de Vigo como a Biblioteca Neira Vilas, O IES Castelao e a Escola Oficial de Idiomas, ademais da Asociación de Veciños de O Calvario, entidade patrocinadora do evento. Este ano incorpóranse tamén como promotoras do proxecto dúas institucións moi activas de O Porriño, como a Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía, e o IES Pino Manso, aínda que a participación estará aberta a todas as persoas que o desexen de calquera punto de Galicia.
Nos últimos dous anos, o Festival de Cans está a desenvolver unha liña de contidos enfocada sobre todo ó público máis novo, onde busca visibilizar e impulsar a intersección creativa entre a literatura e o audiovisual. En anos anteriores, Cans tivo interesantes mostras de booktrailers, e polo festival pasaron autoras e autores e editores relevantes da literatura galega, así como realizadores a realizadoras especializados nos booktrailers.
Nesta edición, o certame “Ollo de vidro”, converterase nun concurso aberto á participación no que un xurado específico escollerá unha selección de finalistas, que serán proxectados en Cans. Durante o festival celebrarase esta gran final, na que se desvelarán os gañadores. O primeiro premio estará dotado con 400€, o segundo con 250€ e o terceiro premio cunha estancia en Cans con noite de hotel e entradas para asistir ao concurso de curtametraxes. Todos os premios teñen tamén dotacións en lotes de libros e esculturas e placas conmemorativas.
O prazo de inscripción está aberto ata o 23 de abril e as bases da convocatoria e o concurso poden seguirse en www.recomendocheunlibro.com