O Festival de Cans inaugura este ano o ‘Invernadoiro’, un novo espazo para o audiovisual e a música, e faino coa visita de Kevin Weatherill, un artista de relevancia internacional no pop das últimas décadas.

Á fronte da súa banda ‘Immaculate Fools’, Weatherill alcanzou o recoñecemento nos anos 80 con emocionantes cancións como “Hearts of Fortune”, “Tragic Comedy” ou a mesma “Immaculate Fools” que deu nome ao grupo, sempre cun pé no pop de autor e outro nas tradicións folk e blues. A súa actuación conformará no ‘Invernadoiro de Mucha do Peso’ un programa dobre coa presentación e proxección dun avance de Kevin vs. Ray, o documental dos galegos Eduardo Herrero e Manuel Lemos sobre a singular peripecia vital de Weatherill, afincado hoxe nunha pequena aldea de Cambados.

https://vimeo.com/256553555

A de Kevin Weatherill non será a única actividade que una música e audiovisual no Invernadoiro, que concentrará a súa programación o sábado 26 de maio. Alí terá tamén lugar unha retrospectiva adicada aos videoclips do realizador, deseñador e músico Rubén Domínguez, unha figura indispensable no underground galego da última década, que actuará ademais con Pantis, o seu aclamado proxecto de pop electrónico.

Domínguez, membro tamén de Chicharrón ou Telephones Rouges, gañou o premio a mellor videoclip en Cans en 2012 e dirixiu máis de vinte pezas para bandas como Novedades Carminha, Franc3s ou A Veces Ciclón nas que deu forma a un persoal universo, caracterizado polo risco no uso da posprodución e a animación ou a exploración das posibilidades rítmicas da imaxe.