Esta mañá 141 escolares do Porriño deron o pistoletazo de saída a Porrigalia coa súa particular PrePorrigalia, unha festa infantil que chega xa á súa terceira edición, organizada polas concellerías de Cultura e Educación.
A praza do Arquitecto Antonio Palacios acolleu un espectáculo lúdico musical no que participaron xogando, cantando e bailando os estudantes de terceiro de primaria do CEIPP Antonio Palacios, CEIP Cruz Budiño, CEIPP Atios e CPR Hermanos Quiroga, así como o alumnado de ACEESCA.
Durante hora e media, a rapazada e os viandantes gozaron do espectáculo de animación, “A bailar”, da compañía Animar-T. Música e cancións en directo, xogos, preguntas sobre Porrigalia e as súas civilizacións – galos, romanos, castrexos, exipcios e gregos-, bailes, globos, premios e, sobre todo, moita diversión.
Carolina González, concelleira de Educación, comenta que “esta é unha forma de involucrar aos cativos e cativas nas festas que se realizan no concello, unha actividade coa que buscamos tamén a cohexión de todos os centros de ensino e crear sinerxias e convivencias entre todos eles”.
Pola súa banda, Bienvenido Estévez, concelleiro de Cultura, salienta que “arrancamos Porrigalia coa chavalada e convidamos a todos e todas a participar en Porrigalia os días 12, 13 e 14 de xullo”.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, estivo bailando e cantando cos nenos e nenas e prometeu “sorprender e asegurar tres días de diversión en Porrigalia 2024”.