O alumnado dos centros de educación primaria e secundaria do Porriño están a disfrutar das visitas-obradoiro á exposición temporal do Arquitecto Antonio Palacios “Soños de modernidade. Compromiso con Galicia”, instalada no Museo do Mar de Galicia.
Na actividade, organizada pola Concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño, participarán 214 alumnas e alumnos dos colexios do municipio. As visitas comezaron hoxe e desenvolveranse ata o 29 de marzo.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañou hoxe ao primeiro dos grupos que participou da actividade. “Estas visitas permiten aos nosos pequenos e pequenas descubrir máis a fondo a obra de Antonio Palacios dende un punto de vista práctico, dinámico, participativo e, por suposto, educativo”, explicou o rexedor, “É unha forma divertida de coñecer a figura e o traballo dun dos porriñeses máis ilustres”.
Os primeiros en participar hoxe foron o CEIP Plurilingüe de Atios e o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios. Nas próximas quendas o farán o IES Ribeira do Louro, CPR Hnos. Quiroga, CPR Sto. Tomás, CEIP da Ribeira e CEIP Cruz Budiño.