A Escola Municipal de Música do Porriño prepara xa o curso 2024/2025 e anuncia que o prazo de inscrición previa poderá realizarse entre os días 1 e 15 de xullo no Rexistro xeral, ben presencialmente en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres, ou ben vía telemática a través da sede electrónica.
A folla de solicitude de inscrición pódese descargar da páxina web do Concello ou recoller na Escola Municipal de Música desde o luns 24 ao venres 28 de xuño, en horario de 16:00 a 20:00 horas.
Como cada ano, a orde de entrega será determinante na orde de matrícula, relevante especialmente á hora de elixir horario das clases individuais de instrumento.
O seguinte trámite será formalizar a matrícula, na última semana do mes de agosto, despois da publicación das listas das persoas admitidas. O comezo do curso 2024/2025 será o 11 de setembro.
Oferta da Escola Municipal de Música do Porriño
A escola imparte clases de Música e Movemento, para rapaces e rapazas de entre 4 e 7 anos de idade; Linguaxe Musical para nenos e nenas a partir de 8 anos e para persoas adultas; e clases dos seguintes instrumentos: violín, viola, violonchelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, óboe, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión tradicional.
A Escola Municipal de Música do Porriño prepara ao seu alumnado para que ó rematares o equivalente ao Grao Elemental, poidan examinarse para entrar no Grao Profesional (antigamente Grao Medio) no Conservatorio. Ademais, a Escola conta con distintas agrupacións musicais nas que as persoas interesadas en participar, se poderán anotar unha vez que empece o curso: banda de música, mini banda do Porriño (banda infantil), orquestra de corda, grupo de música tradicional, coral infantil e coral polifónica de persoas adultas.