- Javier Fernández Alonso recibe o premio absoluto e participará no pregón da festa co seu cartel, no que debuxa a cara de Cuquín
O Porriño, 5 de febreiro de 2026.- Hoxe tivo lugar na Sala de Comunicacións do Concello do Porriño a entrega de premios do Concurso Escolar de Carteis do Entroido 2026, unha iniciativa que recoñece a creatividade e o talento artístico da rapazada do municipio. O acto contou coa presenza do alumnado participante, das súas familias, do alcalde, Alejandro Lorenzo, da concelleira de Educación, Carolina González e dos membros do xurado –Juan de la Cruz Castaño Vicente, Nito Pereiro-Oliveira e Nuria Vilanova Ferreira– que decidiron os gañadores por unanimidade seguindo criterios de orixinalidade, beleza artística e emprego da lingua galega.
Segundo explicou o alcalde, “hoxe celebramos a creatividade e o esforzo de todos os participantes. Este concurso é unha oportunidade para que a nosa mocidade se implique na cultura local, na nosa lingua e nas tradicións que nos identifican como pobo. Ademais, é moi especial que o cartel gañador represente a Cuquín, unha figura moi querida do Entroido do Porriño, que o autor pintou na súa obra con moito detalle e cariño”.
Na categoría de 6 a 8 anos, o primeiro premio foi para Yael Pérez Romero, de 7 anos e alumno de 2º de Educación Primaria do colexio Cruz-Budiño. O segundo premio recaeu en Vera Fernández Rodríguez, de 8 anos e alumna de 3º de Educación Primaria do colexio Hermanos Quiroga, e o terceiro premio foi para Xabi Álvarez Rama, de 8 anos e tamén alumno do colexio Hermanos Quiroga.
Na categoría de 9 a 12 anos, o primeiro premio foi para Álex Lago Alonso, de 11 anos e alumno de 6º de Educación Primaria do colexio Xosé Fernández López. O segundo premio recaeu en Mario Romero Pérez, de 9 anos e alumno de 4º de Educación Primaria do colexio Hermanos Quiroga, e o terceiro premio foi para Mario Pintos Romero, de 12 anos e alumno de 1º de ESO do colexio Santo Tomás.
Na categoría de 13 a 16 anos, o primeiro premio e gañador absoluto foi para Javier Fernández Alonso, de 14 anos e alumno de 3º de ESO do colexio Santo Tomás. Javier participará no pregón do Entroido do Porriño 2026, xunto co resto das persoas premiadas, no balcón da Casa Consistorial o sábado 14 de febreiro. O seu cartel servirá como imaxe oficial desta edición, destacando no seu traballo a pintura da cara de Cuquín, un antigo traballador municipal moi querido pola veciñanza que faleceu hai uns meses e que se converteu en todo un símbolo do Entroido no Porriño, polo seu vínculo con estas festas e a tradición local. Será lembrado cunha homenaxe especial durante o Enterro da Sardiña, como mostra de respecto e gratitude polo seu legado, ademais de ser a súa imaxe a protagonista da lona oficial do Entroido nesta edición.
O segundo premio foi para Lizar Alonso Martínez, de 13 anos e alumno de 2º de ESO do colexio Hermanos Quiroga, e o terceiro premio foi para Daniela Rodríguez Blanco, de 14 anos e alumna de 3º de ESO do colexio Santo Tomás. Ademais, o xurado concedeu un accésit á creatividade e diversidade a Dunia Pérez Méndez, de 19 anos, da entidade ACEESCA, por unha obra especialmente orixinal.
O alcalde Alejandro Lorenzo subliñou que “o Entroido do Porriño é unha festa que une xeracións, e ver como a nosa mocidade se implica e representa tradicións tan queridas, como a figura de Cuquín, é un orgullo. Hoxe celebramos talento, creatividade e memoria colectiva ao mesmo tempo”.
Todos os carteis permanecerán expostos ao público no Centro Cultural Municipal, permitindo que veciños e veciñas poidan gozar da creatividade das novas xeracións e da presenza de Cuquín na obra gañadora.

