Os amantes do tapeo teñen unha nova cita co Pinchorriño, a cita gastronómica organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) e a Asociación de Hostaleiros da localidade coa colaboración do Concello.
Este 2017, como salientou o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, na presentación feita este luns ao mediodía, o 12º Pinchorriño rexistrará unha nova marca de participantes: 44 establecementos en total fronte aos 41 do ano pasado, que todos os venres e sábados de novembro, de 7 da tarde a 11 da noite, ofrecerán un pincho de balde aos seus clientes.
Coto desvelou que o segredo do “éxito” desta iniciativa está “na calidade e no prezo dos pinchos que se serven”. Na mesma liña, a presidenta de Acipor, Juana Pérez, garantiu que os prezos das consumicións non subirán durante os días de celebración do Pinchorriño e lembrou que o custo desta mostra da gastronomía do Porriño recae nos propios hostaleiros.
O obxectivo este ano é o de superar as máis de 18.500 persoas que participaron na edición de 2016, unha meta que está ao alcance da man considerando que haberá tapas para todos os gustos e de todas as texturas e sabores, mesmo pinchos para veganos, sen glute e para celíacos.
A ‘ruta’ dos pinchos, os locais, as súas propostas, mesmo fotografías dos pinchos, poden seguirse por medio da APP ‘QuedamosdeTapas’, que pode baixarse dende Google Play e AppStore. Así mesmo, os clientes poden optar a gañar unha estadía nunha casa de turismo rural selando, no folleto que estará a dispor nos propios locais, catro cupóns de catro establecementos s participantes no Pinchorriño 2017.
Para rematar a presentación destas xornadas culinarias, a alcaldesa, Eva García de la Torre, lembrou que O Porriño está xa nas axendas gastronómicas de Galicia polas festas do Pan, dos Callos, dos Cachos e, por suposto do Pinchorriño.
García de la Torre animou ás porriñesas e porriñeses e a todas as veciñas e veciños da Área Metropolitana a achegarse a O Porriño e gozar duns pinchos que, “son imaxinativos, están elaborados cos mellores ingredientes…e parando en tres ou catro locais un xa vai cenado para casa”.