Dende o día 1 de decembro ata o sábado 6 de xaneiro de 2019, o Concello do Porriño leva adiante un completo programa de Nadal que abrangue dende ‘Animación na rúa’, concertos, actividades para cativos, Flashmob, a tradicional ‘Pre-Festa Fin de Ano’ ou a Cabalgata de Reis.
Este ano, ademais haberá novas propostas, coma a 1ª Xornada pola Integración da Discapacidade (o domingo día 2 de decembro, no Pavillón Municipal de Deportes); a celebración, o luns, día 3, do Día Internacional da Integración das Persoas con Diversidade Funcional; o 1º Concurso de Rondallas Concello do Porriño, o 1 de xaneiro, no Pavillón de Deportes, ou o Concerto da Orquestra de Cámara de Galicia, o 6 de xaneiro.
Xunto con estas novidades estarán as actividades tradicionais, coma o ‘Encendido das luces de Nadal’, o vindeiro mércores, día 5 de decembro, ás 8 e media da tarde na Praza do Arquitecto Antonio Palacios; o ‘Festival de Panxoliñas’, o venres día 14; a Visita de Papa Noel a San Benito e San Sebastián, o día 21; o Concerto dos Bolechas, o día 22 deste mes; a Festa ‘Pre Fin de Ano’, o domingo día 30 ás 11 da noite ou a Cabalgata das Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar,o día 5 de xaneiro dende as 6 da tarde.
A estas propostas súmanse as actividades da Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía, e que abrangue Club de Lectura para Adultos, Conta-Contos, o Teatro de Monicreques, entre os días 3 e 27 de decembro.