A Concellería de Limpeza, que dirixe Orlando Márquez, ven de iniciar a colocación das novas papeleiras en distintas partes do casco urbano do Porriño no que é o inicio dun proceso que abranguera todas as parroquias e que seguirá nas vindeiras semanas.
As novas papeleiras, indica o concelleiro, que teñen unha capacidade de 60 litros, evitan que o interior poida ser remexido por animais, coma paxaros ou gatos, e permiten que a retirada das bolsas do lixo se faga de xeito doado e limpo, en canto as mesmas se enchan, un proceso que pode facer a calquera hora do día, de maneira que se evite que estean cheas ou que haxa cheiros.
Estes novos recipientes virán a substituír aos existentes que, na maioría dos casos, están xa moi deteriorados e xunto con eles esta prevista a colocación de cinceiros e os popularmente coñecidos coma ‘pipi-cans’, con bolsas e dispensadores que teñen coma obxectivo manter as rúas limpas, facilitando a recollida das defecacións dos cans.
Neste sentido, o concelleiro subliña que os axentes da Policía Local aplicarán, de xeito rigoroso a Ordenanza Municipal de Convivencia Cidadá, Limpeza e Recollida de Residuos, que establece: “as persoas que conduzan cans e outros animais polas vías públicas, deberán levalos amarrados, impedindo que os mesmos depositen as súas dexeccións en calquera lugar destinado ao tránsito de peóns. No caso de que as dexeccións queden depositadas nas beirarrúas, en calquera zona peonil o una calzada, a persoa que leve ao animal está obrigada a súa limpeza”.
Orlando Márquez lembra que o incumprimento da obriga de recoller os excrementos dos cans ten establecida unha multa de ata 750€.