Desde o 1 ata o 21 de outubro o CCA Morea, en colaboración co Concello do Porriño, convida á veciñanza a participar da campaña “É tempo de Outono”. Esta é unha marabillosa oportunidade para apoiar aos nosos comerciantes e, ao mesmo tempo, levar moitos agasallos.
Por cada compra que se realice nos establecementos asociados a Acipor, recibirase un rasca que podería conter un fabuloso premio. Hai 5 tarxetas de agasallo Morea de 20 euros, 420 paraugas e 305 tote bags esperando a ser descubertos.
Os rascas premiados poderán trocarse ata o 23 de outubro nas tendas Lola, Serianper, Zafiro, Charol Shoes, Lencería Tere, Mapa Porriño, Rocío Lemos Peluquería e Conxelados Frandi, só presentando o rasca e unha copia do ticket da túa compra.
Esta campaña non só é unha forma divertida de incentivar as compras, senón que tamén resalta a importancia de contar cun tecido comercial activo e dinámico. “Apostar polo comercio local é fundamental para manter viva a vida social e económica do pobo. Cada compra conta e cada comerciante merece o noso apoio”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Así que, saiamos a ver todo o que poden ofrecernos e a comprar! Xuntos, fagamos do Porriño un lugar aínda máis cheo de vida.”