O Concello do Porriño continúa avanzando na mellora e ampliación dos espazos públicos da vila coa adquisición de dúas novas parcelas situadas fronte ao parque infantil, preto do cemiterio municipal. Esta operación permitirá a creación de novas zonas de lecer e o reforzo da accesibilidade na contorna, enmarcándose na fase final dun proxecto integral de humanización e revitalización da zona.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta actuación, sinalando que “seguimos a apostar pola mellora dos espazos públicos, creando áreas accesibles, modernas e adaptadas ás necesidades da nosa veciñanza. Coa ampliación do parque infantil e a incorporación de novas infraestruturas, reforzamos o noso compromiso cun Porriño máis humano e sostible”.
Máis espazos de xogo e novas infraestruturas
A fase final do proxecto incluirá a creación de novas áreas recreativas, a instalación de elementos infantís innovadores e a habilitación dunha pista deportiva. Entre os novos xogos previstos, destaca unha gran estrutura en forma de tren con tobogáns, así como a posta en funcionamento dos chorros de auga deseñados para o xogo dos máis pequenos. Ademais, completarase a beirarrúa que conectará coa rúa Domingo Bueno e mellorarase a iluminación da contorna.
A recuperación da pista deportiva prefabricada, que anteriormente estaba situada no parque infantil e foi retirada durante as obras de renovación, tamén forma parte do proxecto. Durante anos, foi un punto de encontro para a mocidade, facilitando a práctica de actividades deportivas e de lecer. Agora, será reinstalada nunha nova localización que optimizará o espazo dispoñible, mellorando a súa integración co contorno e garantindo así unha experiencia máis satisfactoria para os usuarios.
Mellora da accesibilidade e integración urbana
Outro dos puntos clave desta actuación será a mellora da accesibilidade ao cemiterio municipal. Ao tratarse dunha zona peonil con circulación restrinxida a residentes e vehículos de carga e descarga, habilitaranse novas prazas de estacionamento para facilitar o acceso aos usuarios.
Tamén está prevista a creación dunha rúa que conectará Fernández Areal co cemiterio, reforzando a integración desta área coas recentes humanizacións da rúa Parque Infantil e do Campo da Feira. Estas actuacións súmanse ás obras en execución, como a rehabilitación do Templete da rede de San Luis e a humanización da rúa San Sebastián.
Con esta nova adquisición e as melloras previstas, o Concello do Porriño reafirma a súa aposta pola creación de espazos públicos accesibles e de calidade, favorecendo a convivencia interxeracional e o benestar da cidadanía.