A empresa “Distribucións Rivas” fixo entrega hoxe ao Concello do Porriño dunha doazón de 33.600 máscaras cirúrxicas e 270.000 unidades de luvas desbotables. O material de protección doado por “Dis Rivas” será repartido, a través da Policía Local entre os establecementos de hostalería e usuarios de Servizos Sociais e do Banco de Alimentos “SOS Porriño”.



A alcaldesa Eva García, acompañada da concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e do Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez acudiron as instalacións de “Dis Rivas” no polígono de Cataboi. José Luis Suárez, director xeral, o seu fillo, Iván Suárez, director financeiro, e Benjamín Castillo, director comercial realizaron a entrega. O encontro serviu tamén para que a delegación municipal coñecera as modernas instalacións desta empresa de distribución que estrearon hai tres meses, e nas que traballan máis de 30 persoas.
A alcaldesa agradeceu a doazón realizada por “Dis Rivas” á veciñanza e eloxiou o traballo realizado por esta empresa que elixiu O Porriño para desenvolver unha forte inversión de máis de 3 millóns de euros.