O almacén do Banco de Alimentos “SOS Porriño” recibirá esta tarde unha achega de 4.500 quilos de produtos non perecedoiros, grazas á doazón de 5.000 euros realizada pola “Fundación La Caixa”.
Esta achega constitúe unha axuda moi importante para o Banco de Alimentos de cara ao reparto de decembro. Actualmente “SOS Porriño” está a distribuír lotes de alimentos entre 430 familias do municipio o que supón que unhas 1.300 persoas que son beneficiarias directas.
Este mediodía os representantes da entidade financeira, Gonzalo Dopazo, director, e María Eugenia Rial, subdirectora da oficina “store” de “La Caixa” no Porriño fixeron a entrega simbólica ao Concello, representado pola alcaldesa Eva García e o concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso, nas instalacións do “EKO-MAX” da cadea de distribución “Froiz” no polígono industrial de A Granxa.
A alcaldesa manifestou o agradecemento do Concello á “Fundación La Caixa” por que “sempre está a amosar unha disposición permanente a colaborar en este tipo de accións sociais”. Gonzalo Dopazo, no nome da Fundación, manifestou que “La Caixa neste intre tan difícil para todos, prioriza a colaboración en achegas para colectivos en risco de exclusión”.