• O obradoiro está aberto a toda a poboación a partir de 16 anos e celebrarase os xoves de marzo a maio
  • As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición na Biblioteca Municipal, tendo preferencia aquelas censadas no Concello do Porriño

O Porriño, 17 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño, a través da Biblioteca Municipal, pon en marcha o obradoiro “Libros que latexan”, unha proposta de expresión e creación que convida á veciñanza a transformar a lectura nunha experiencia viva a través das artes escénicas, especialmente o teatro e a narración oral.

A actividade desenvolverase no Centro Cultural Municipal do Porriño, concretamente na Biblioteca, consolidando este espazo como auténtica “casa dos libros”: un lugar de encontro, relación, aprendizaxe permanente e intercambio creativo que contribúe ao desenvolvemento persoal e colectivo.

O obradoiro, que constará de oito sesións, celebrarase os xoves de 18.00 a 19.30 horas nas seguintes datas: 5, 12 e 26 de marzo; 9, 16, 23 e 30 de abril; e 7 de maio de 2026. A última sesión incluirá unha mostra final aberta ao público co material traballado ao longo do proceso.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta iniciativa cultural, que promove a participación e reforza o papel da biblioteca como motor social: “Queremos que a nosa Biblioteca sexa moito máis que un lugar de préstamo de libros; queremos que sexa un espazo vivo, onde a cultura se comparta, se experimente e se cree en comunidade. ‘Libros que latexan’ representa perfectamente esa filosofía: ler, sentir e transformar as historias en experiencia compartida”.

A formación será impartida por Ana Abad de Larriva, coordinadora e dinamizadora do club de lectura municipal. Ademais de ter experiencia desenvolvendo diferentes actividades de animación sociocultural e teatral, mediación e comunicación cultural; é escritora, actriz, cantautora, creadora e docente de artes escénicas, con formación superior en Arte Dramática e unha tese doutoral en Comunicación e Artes Escénicas. A súa experiencia garante un enfoque pedagóxico rigoroso, participativo e adaptado ás persoas asistentes.

O programa estrutúrase arredor de oito eixes temáticos —o latexo do espazo, das palabras, do corpo, da memoria e da voz, entre outros— que se interrelacionarán nun proceso lúdico e progresivo, combinando lectura sensorial, escritura creativa e expresión oral e corporal.

Ademais do seu valor cultural, a actividade contribúe aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 impulsada pola ONU, especialmente aqueles vinculados coa saúde e o benestar, a educación de calidade, a igualdade de xénero e a redución das desigualdades.

O obradoiro está aberto a toda a poboación a partir de 16 anos, promovendo o diálogo interxeracional. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición na Biblioteca Municipal, tendo preferencia aquelas censadas no Concello do Porriño.

Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso cunha cultura viva, participativa e transformadora, na que os libros non só se len, senón que tamén se escoitan, se senten e, sobre todo, latexan.