Esta segunda xornada da VIII Porrigalia ven chea de xogos e espectáculos durante todo o día. No Showcooking do Mercado de Abastos do Porriño, da man de Marta Solé e Roberto Cuerdo, os chefs elaboraron un prato saúdable e fixeron mostra de como se pode reconvertir unha comida.
As charangas Vai de Baile e Anchoa, xunto con Batucada Os Vikingos, amimaron as rúas da vila ata que a mediodía deu comezo o gran desfile olímpico das ANPAS e asociacións do Porriño, encabezado pola Garda Pretoriana e con máis de 150 integrantes de 9 comparsas nos seus roles das civilizacións da Porrigalia.
De seguido, acounteceu o xa tradicional destrone e secuestro do alcalde Alejandro Lorenzo. O Rei Castrexo, caracterizado por Pepo Suevos, tomou o mando da vila e impuxo as súas normas: cantos, bailes, comida, festa e diversión para todos e todas, grandes e pequenos, galos, castrexos, romanos, gregos, exipcios e visitantes. “O que pasa en Porrigalia, queda en Porrigalia”, engadiu o Rei Castrexo.
Durante o secuestro, escoitouse a promesa de Alejandro Lorenzo: “Volverei recuperar o meu Imperio moi pronto! Mentres tanto, gozade das festas!”
As normas impostas polo Rei Castrexo foron efectivas no momento, e o público asistente puido gozar do concerto da banda pop-rock La Patrulla, con versións dos temas máis influentes da década dos 80, 90 e actuais, e algunhas chiscadelas a temas clásicos máis antigos.
Xa pola tarde, teñen lugar as a compiticións olímpicas. A proba de obstáculos para a cativada, o Gladiator Kids na praza 8 de Marzo, congrega a familias dispostas a loitar ata o final para conseguir o triunfo. Todos e todas os participantes de entre 3 e 10 anos levan premio.
Ao mesmo tempo, o Parque do Cristo é o escenario das Olimpiadas Técnicas, coas tradicionais probas deportivas da Porrigalia, nas que non faltan os galos Astérix e Obélix, que poñen o listón moi alto para o resto de participantes. Hai loita, carreiras de 50 m, carreiras de sacos, carreiras de carretillas, saltos de lonxitude e de altura, o xogo da soga, lanzamentos de peso, esgrima e tiro con arco.
Á noitiña, na praza do Arquitecto Antonio Palacios, o grupo A Gramola Gominola encárgase de seguir facendo vibrar aos porriñeses e porriñesas co seu espectáculo musical de Rock&Roll que pon en valor as Superheroínas que cos seus superpoderes combaten o abuso escolar, defenden a lingua, protexen a natureza e visibilizan as emocións. A festa continúa con música de DJs nas prazas da vila, coa esperada Gran Queimada do Rei Panoramix e a actuación do DJ Donper.