Os deputados provinciais, Santos Héctor e Ana Laura Iglesias, acompañados da alcaldesa do Porriño, Eva Garcia, do primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira e dos concelleiros Lourdes Moure e David Alonso comprobaron hoxe en Torneiros o resultado das obras de asfaltado realizadas polo Concello, sufragadas coa achega da Deputación de Pontevedra, a cargo do Plan Concellos 2020. Tamén participaron do percorrido Enrique Navarro, xerente e Lucía Barros, directora de obra da empresa “Fechi” que foi a contratada para executar os asfaltados. 

 

En concreto, a achega da Deputación foi de 90.249 € que a xuízo do deputado provincial responsable de Cooperación cos Concellos “á vista do resultado, non podo dicir outra cousa máis que é un investimento moi ben feito”. Santos Héctor valorou que “é unha actuación moi relevante para Torneiros que ten o 25% da poboación total do concello dos traballos”, significou que serven para “mellorar o entramado urbano da parroquia” e “para garantir a seguridade vial”.

Pola súa banda, a alcaldesa subliñou que os asfaltados realizados en diversas rúas de Torneiros “forman parte das actuacións de mellora e posta en valor desta zona”. Eva Garcia agradeceu o traballo feito polo primeiro tenente de alcalde “na supervisión das actuacións” e recoñeceu “a capacidade que acredita Pedro Pereira”.  E por último, a alcaldesa deu as grazas, “moitas grazas á Deputación pola atención que ten co Porriño como sei que tamén o fai co resto dos concellos” e comparouna coa Xunta de Galicia que “fai un investimento de cero euros no Porriño”.