Dende este xoves, día 10 de maio, está aberto o prazo de inscrición para os Campamentos de Verán do Concello do Porriño, que baixo o nome de ‘Leo e as viaxes polo tempo’, ten coma obxectivo, tal e como sinala a concelleira de Benestar e Igualdade, Soledad Girón, “ofrecer unha alternativa de lecer e tempo libre ás nenas e nenos do Porriño durante o verán e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida familiar e laboral ás porriñesas e porriñeses”.
Os campamentos, que están co-financiados pola Deputación de Pontevedra, abranguen do 2 de xullo ao 10 de agosto e están abertos a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos de idade- nados entre 2006 e 2013-.
As quendas para os mesmos serán: 1ª.- do 2 ao 6 de xullo; 2ª.- do 9 ao 13 de xullo; 3ª.- do 16 ao 20 de xullo; 4ª.- do 23 ao 27 de xullo; 5ª.- do 30 de xullo ao 3 de agosto e 6ª.- do 6 ao 10 de agosto.
As inscricións poden facerse desde este mesmo xoves no Centro de Información á Muller (CIM), no 3º andar do Concello, de 9 da mañá a 2 da tarde. Para máis información as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 986 337 429.