A corporación local do Porriño manifesta de maneira unánime a súa condena ao concerto que o cantante de trap, Kaydy Cain, ofreceu este sábado no municipio veciño de Mos, así como a calquera outro evento musical ou cultural que agreda á dignidade das mulleres.
 
A música é unha importante fonte de culturización. En moitas ocasións é un reflexo da sociedade e tamén inflúe considerablemente nela, polo que letras como as de Kaydy Cain, abertamente machistas e con mensaxes explícitos que denigran ás mulleres, non contan co respaldo desta corporación.
 
Ningunha expresión artística pode faltar ao respecto nin fomentar actitudes que promovan a desigualdade nas relacións entre homes e mulleres, xa que ao facelo ,faltase aos valores sobre os que se cimenta unha sociedade democrática, libre e igualitaria.
 
O Concello do Porriño traballa, nos diferentes eidos de competencia municipal, para poñer fin ás desigualdades entre homes e muleres e contra a súa expresión máxima: a violencia machista.
A través da súa concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller, impleméntase unha política transversal de xénero en todas as actuacións municipais. Desenvolvense programas de sensibilización e promoción da igualdade no ámbito educativo, do emprego, do deporte, da cultura e da sociedade en xeral, dirixidas a promover un cambio de actitude na poboación e a previr comportamentos e crenzas que supoñan un trato discriminatorio cara as mulleres.
 
En definitiva, o Concello do Porriño traballa para construir valores de igualdade e respecto nas relacións persoais. Por isto, esta corporación amosa o seu rexeitamento e condena a concertos como o de Kaydy Cain, que fan apoloxía do machismo e van en contra dos valores que defendemos.