- O proxecto supón a rehabilitación e reconversión deste edificio municipal, actualmente en desuso, no cal se investirán máis de 763.000 euros
- Os traballos estarán rematados neste mesmo ano e mellorarán a oferta educativa coa creación de 66 prazas para nenos de 0 a 3 anos
O Concello do Porriño vén de anunciar o inicio das obras de rehabilitación e ampliación da antiga Escola Unitaria de Pontellas para a creación dunha nova escola infantil municipal, reafirmando así o seu compromiso coa educación dos máis pequenos da casa e a recuperación de espazos públicos. Os traballos comezaron esta mesma semana e prolongaranse oito meses, polo que antes de rematar o ano, O Porriño disporá de 66 prazas públicas máis para nenos de 0 a 3 anos. Neste senso, o alcalde Alejandro Lorenzo subliña a importancia deste proxecto como “un avance clave na nosa aposta pola conciliación, ofrecendo ás familias do Porriño un servizo esencial e moi demandado, afianzando e fortalecendo a educación infantil pública no noso concello”. A maiores, e de xeito paralelo, “recuperamos un edificio actualmente en desuso, potenciando así o noso patrimonio histórico e arquitectónico, para darlle unha nova vida ao servizo da comunidade”, explica o rexedor local.
O proxecto conta cun orzamento total de 763.789,86 euros, dos cales 408.233,10 euros están subvencionados pola Consellería de Política Social a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia NextGenerationEU.
A actuación contempla a rehabilitación integral do edificio existente, mantendo a súa esencia arquitectónica e elementos históricos á vez que se moderniza para albergar a nova escola infantil. “A rehabilitación deste espazo realizarase respectando a súa identidade, pero incorporando materiais modernos e eficientes que garantan o confort e a sustentabilidade do centro educativo. Ademais, incluímos medidas de eficiencia enerxética, como cubertas axardinadas e illamento térmico, que permitirán reducir o consumo enerxético”, explica o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto.
Ademais de sala multiusos, cociña e outras estancias, a nova escola infantil contará cun total de cinco aulas distribuídas por idades e para o cal será preciso unha ampliación das instalacións, construíndo dúas novas alas que se dispoñen cara ao patio posterior, creando dous novos patios delimitados, con elementos vexetais. A reforma inclúe a mellora da cuberta, a instalación de iluminación LED, un sistema de climatización eficiente e a dotación de equipamento e mobiliario de alta calidade.
Os novos espazos disporán de grandes ventás que maximizarán a entrada de luz natural, favorecendo un ambiente saudable e confortable para o alumnado. As aulas de maior capacidade contarán con portas corredoiras que permitirán a conexión entre elas, fomentando unha metodoloxía educativa flexible.
A empresa adxudicataria da obra comprometeuse ademais a realizará melloras por importe de 77.275,38 euros, no que se inclúe a restauración da fachada con morteiro de cal, a renovación do falso teito, a substitución de tellas deterioradas e a instalación de caleiros e baixantes de cinc.