A Policía Local do Porriño informou hoxe dos cortes e restricións de tráfico que se aplicarán os 22, 23, 24 e 25 de xullo no centro urbano pola celebración de Porrigalia.
 
A avda. Domingo Bueno estará cortada ao tráfico e non se poderá estacionar, no tramo que vai dende o número 1 ata o cruzamento con Pío XII, dende as 9 h do sábado e ata as 9 h do luns. A prohibición de estacionamento nesta rúa estenderase ata o cruzamento con Fernández a partir das 15h do sábado e ata o luns.
 
Na rúa Pío XII estará prohibido estacionar dende o sábado en ambas marxes ata o acceso á rúa Fontevella e ás 12h procederase ao corte da rúa dende ese punto ata o cruzamento con Ramón González. Ambas permanecerán cortadas ao tráfico ata o mércores.
 
Dende o luns ás 12 h e ata o mércores ás 9 h cortarase ao tráfico e estará prohibido estacionar na rúa Antonio Palacios, dende o cruce con Enrique Peinador (sindicatos) ata o cruce con Pérez Leirós.
O luns, de 16 h a 19 h, cortarase tamén o tráfico na rúa Ramiranes dende a rotonda da Central ata o cruce coa rúa Estación.
 
En todos os casos, permitirase o acceso aos garaxes con vado.