Conta atrás para unha das grandes probas do calendario deportivo galego: o Triatlón Concello do Porriño,
Ás 12 menos cuarto da mañá do vindeiro sábado 27 de maio os protagonistas serán os participantes no ‘Mini Triatlón’ que, acompañados sempre dun adulto, nadarán 25 metros na piscina do Polideportivo Municipal para a continuación prepararse para a saída en bicicleta (12.00 h) ata a Igrexa de Santa María. Alí deixarán as súas bicis e prepararanse para tomar a saída en carreira (12.15 h) cara á Praza Arquitecto Antonio Palacios, onde estará situada a meta.
O prazo para inscribirse finaliza o venres 26 de maio, os interesados poden achegase á piscina municipal para formalizar a súa participación e moi importante non esquecerse do gorro, bañador, chanclas antiesvarantes e casco.
Polo que atangue á proba absoluta, a saída será dende o porto deportivo de Tui pero, a diferenza do ano pasado, a primeira transición, na que os triatletas collerán a bicicleta tras nadar 750 metros no Miño, será no interior das instalacións da Comandancia Naval e non no embarcadoiro.
A segunda transición volve a rúa Domingo Bueno, onde logo de facer pola PO-342 os 20 quilómetros que separan Tui do Porriño, os triatletas deixarán as súas bicicletas e iniciarán unha carreira de 5 quilómetros dando dúas voltas a un circuíto urbano ata rematar a proba diante do Concello.
O prazo de inscrición estará aberto ata as 23.59 h. do próximo martes, día 23, e o seu custo é de 10 €, para os federados -cadetes gratis- e de 22 €, para os que fagan licenza dun día -10€+12€ -cadetes 6€-.