O Concello do Porriño xunto coa Deputación de Pontevedra organizou un concerto do grupo De Vacas para festexar as Letras Galegas, o mércores 17 de maio ás 21 horas na praza do Arquitecto Antonio Palacios.
O cuarteto presentou o seu novo espectáculo “REBOVINA DIVAS LIVE”, unha homenaxe ás mulleres, que coa súa música, acompañaron as compoñentes de De Vacas ó longo da súa vida, incluídas as divas do pop Whitney Houston, Céline Dion, Mónica Naranjo, Beyoncé, entre outras.
De Vacas versiona en galego temas comerciais
De Vacas está formado polas vocalistas Inés Salvado (a Marela), Faia Díaz (a Pinta) e Paula Romero (a Morena) e o guitarrista Guillerme Fernández (a Rubia), compoñente do desaparecido “Berrugüetto”. O grupo fai versións en galego de temas comerciais, mudando a letra e dándolles un formato retranqueiro e divertido, poñendo en valor o feminismo, o ecoloxismo e a poesía. Algunhas das súas versións máis coñecidas son “Amodiño”, cover do “Despacito” de Luis Fonsi; ou “Peixería Chanel”, a súa interpretación en galego de “SlowMo”, da eurovisiva Chanel.