Integrantes do Goberno local sumáronse este sábado, día 23, á concentración convocados por ducias de veciñas e veciños para esixir, de novo e como veñen facendo dende hai semanas, un pediatra máis e a mellora do servizo de Pediatría do Centro de Saúde do Porriño, amais da mellora dos servizos sanitarios.
A xuízo do Goberno local esta situación é a proba incontestábel de que á Consellería de Sanidade non lle interesan os porriñeses e os considera cidadáns de segunda.
A promesa, publicitada en xuño de 2015, de facer un novo centro de saúde, anunciado polo anterior alcalde, do Partido Popular e a, daquela conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, coa cesión dos terreos por parte do Concello para edificar neles o mesmo, quedou en nada.
Sanidade tampouco atendeu as demandas feitas, ao inicio do verán,dende o Concello e polos propios usuarios do centro de saúde, de que axeitase as súas instalación, polo cal houbo enfermos que mesmo sufrían mareos e esvaídos a causa da calor que achegábase aos 40 graos.
Así mesmo, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ignorou por completo a petición, aprobada polo Pleno do Concello do Porriño en xuño deste mesmo ano, dunha entrevista coa alcaldesa e cos representantes dos grupos municipais para que expuxesen as carencias e as necesidades urxentes dun Centro de Saúde que atendeu os primeiros seis meses deste ano a máis de 100.000 doentes veciños de Mos, Salceda e O Porriño.