- A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde Alejandro Lorenzo estiveron esta mañá no lugar onde se desenvolverá este Proxecto de Interese Autonómico (PIA) por importe de 212.414 euros
O Porriño, 13 de decembro de 2025.- A construción de 300 novas vivendas das cales o 80 % estarán sometidas a réxime de protección, na rúa Fernández Areal, dá un paso máis coa licitación do proxecto. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia, María Martínez Allegue, acompañada do secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García e do director territorial en Pontevedra, José Manuel González, acudiu esta mañá ao Porriño onde foi recibida polo alcalde Alejandro Lorenzo e concelleiros do equipo de goberno local, para anunciar, no mesmo lugar onde se situará o desenvolvemento residencial, a licitación deste Proxecto de Interese Autonómico (PIA) por importe de 212.414 euros.
O Consello da Xunta deulle xa luz verde ao inicio da tramitación do expediente relativo á delimitación e declaración de interese autonómico das actuacións para habilitar solo residencial destinado a vivendas protexidas (80%) e libre (20%). O visto e prace a este trámite ten por obxectivo a aprobación e a delimitación do ámbito de actuación identificado no planeamento xeral como solo urbanizanable, localizado na zona próxima aos Xulgados, centro de saúde e pavillón municipal de deportes, dentro do polígono SUR-PPR-2, cunha superficie de 43.000 metros cadrados na que se prevé tamén a creación de espazos libres e verdes.
O alcalde explicou que se trata “dun proxecto clave para responder á crecente demanda de vivenda accesible no municipio”, destacando o papel do mesmo para acompañar o crecemento demográfico do Porriño, “consolidando o municipio como un lugar atractivo para vivir e formar familia”. O rexedor cualificou a visita como “un paso importante para reforzar a colaboración institucional e garantir a continuidade dos trámites necesarios”. Neste sentido, sinalou tamén que “cando estea o proxecto realizado poderemos coñecer a ordenación exacta do ámbito e informaremos e atenderemos ás solicitudes da veciñanza que poidan xurdir”. Abordaranse as cuestións relacionadas coa planificación urbana, a integración de zonas verdes e a creación de espazos públicos de calidade que complementen as futuras vivendas.
O Concello reiterou a súa disposición a coordinar todos os pasos necesarios para que este proxecto avance con axilidade e se converta nunha realidade no menor tempo posible, contribuíndo a ofrecer vivenda accesible e a planificar o crecemento do municipio de forma ordenada e sostible.

