Dende o Concello do Porriño manifestamos a nosa máis enérxica condena á agresión sexual acontecida na madrugada do martes nas festas de Pontellas e o noso total apoio e solidariedade coa vítima e a súa familia, poñendo a súa disposición os recursos de apoio psicolóxico e protección que requira. A vítima interpuxo onte a denuncia ante a Garda Civil que investiga os feitos para dar cos agresores.
 
Dende o Concello, a petición da familia coa que mantivemos contacto en todo momento, facemos un chamamento á prudencia na difusión de informacións e pedimos o máximo respecto para preservar os seus dereitos e intimidade.
 
Reiteramos, de maneira clara e decidida, o noso rexeitamento contra calquera forma de violencia machista. O noso compromiso na loita contra calquera conducta que atente contra a dignidade e a integridade física ou moral das mulleres é firme.
 
Lembramos que nos eventos organizados por este Concello as mulleres teñen á súa disposición, nun lugar accesible e céntrico, o Punto Violeta ao que poden acudir en caso de sufrir ou ser testemuña dunha agresión sexual e ser atendidas por persoal cualificado nesta materia de inmediato.