O goberno municipal porriñés, á vista da melloría que reflicten os datos de contaxios e incidencia da pandemia, decidiu aliviar algunhas das restricións existentes. Hoxe o SERGAS comunicou que no Porriño os novos contaxios baixaron a 39 casos activos aínda que seguimos cunha incidencia acumulada de máis de 150 e menos de 250.
Entre as novas medidas, o Concello acordou:
-Ampliar os aforos nos eventos deportivos. En pavillóns e recintos pechados, haberá 250 espectadores. Nos campos de fútbol e recinto ao aire libre, permitiranse 500 espectadores, medida que poderá estrear mañá martes o C.D. Pontellas no seu campo, coa ocasión do partido de Liga de Terceira División contra o Arenteiro.
– Reapertura de todos os parques infantís que leven pechados dende o 22 de outubro. Estes recintos de xogo volverán a estar dispoñibles a partir do venres 11, segundo indicou o concelleiro responsable, Sergio Casal.
Estas medidas comentáronse hoxe pola alcaldesa Eva García cos representantes dos grupos políticos da corporación e demais membros que forman a Comisión Municipal de Seguimento da Covid.
Tamén lembrouse que mañá martes volverá a celebrarse o mercado semanal, despois de seis semanas de suspensión aínda que coa metade dos postos.