O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xunto coa delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres as obras de construción dunha nova senda peonil na parroquia de Budiño.
A través desta actuación, executada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestructuras cun orzamento de máis de 250.000 euros, habilitarase un itinerario peonil na estrada PO-510 para favorecer a seguridade da veciñanza nos seus desprazamentos a pé.
As intervencións, deseñadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta no marco do Plan de sendas de Galicia, centraranse en reforzar a seguridade e a mobilidade dos peóns neste treito de estrada que ten unha densidade de tráfico moi elevada, alcanzando máis de 20.000 vehículos diarios.
En concreto, executarase unha senda, cunha lonxitude de 640 metros pola banda esquerda da estrada, de 1,80 metros de ancho con bordo e unha elevación con respecto á rasante da calzada de 10 centímetros, agás nos accesos ás vivendas ou fincas.
Nas beirarrúas, e onde así o indique a normativa de accesibilidade, colocarase pavimento táctil nos vaos peonís, para aumentar a seguridade con sinais que fomentan a inclusión. A actuación en execución tamén inclúe o acondicionamento da parada de autobuses e a substitución da marquesiña existente, para acadar maior comodidade dos usuarios do transporte público.
O alcalde explicou que hoxe tamén se publicou no DOG o acordo de aprobación definitiva do proxecto de trazado para executar outra senda na PO-407, no treito que vai ao colexio público Cruz Budiño. A intención é unir ambas sendas e facer un intinerario peonil que teña continuidade desde a Vaquería ata o barrio da Cruz, onde se atopa o colexio.