O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura, vai desenvolver un ciclo de concertos de música medieval a realizárense nas igrexas e capelas das parroquias e barrios do termo municipal. A serie de concertos, titulados “Ciclo de Música Medieval en Camiño”, comezará o vindeiro domingo 23 de maio na parroquia de Mosende, na igrexa San Diego, ás 20:00 horas.
Segundo explica o departamento que dirixe a concelleira Cami Moreira “falamos de concertos líricos de cantigas medievais, da man da soprano e instrumentista, ESPERANZA MARA, co acompañamento de instrumentos medievais realizados por profesionais artesáns expertos en luthería medieval, que percorrerán as parroquias de Torneiros, Pontellas, Atios, Cans, Budiño, Chenlo, Carracido e San Bieito”.
“O Ciclo de Música Medieval en Camiño, é unha posta en valor do noso patrimonio cultural, literario e musical; á vez que se dinamizan estes espazos, facendo unha descuberta deles, amais da relixiosa, tamén a cultura”, engadiu Moreira.
A Concellería de Cultura estableceu que as apersoas asistentes terán que enviar un correo electrónico ao enderezo reservasmusicamedieval@gmail.com indicando o nome, apelidos e teléfono de contacto para facer a reserva dunha cadeira, para levar o control do aforamento e, finalmente, poder contactar en caso de xurdira algún gromo da Covid.
O prazo para inscrición previa rematará as 00:00 horas do venres 21. No caso de non completarse o aforo coas reservas solicitadas, completarase coas persoas que se acheguen o mesmo domingo, recollendo igualmente os datos de nome, apelidos e teléfono de contacto.